Os pinos – Eduardo Pondal
Que din os rumorosos na costa verdecente ao raio transparente do prácido luar? Que din as altas copas de escuro arume arpado co seu ben compasado monótono fungar? Do teu verdor cinguido e de benignos astros confín dos verdes castros e valeroso chan, non des a esquecemento da inxuria o rudo encono; desperta do teu sono fogar de Breogán. Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non. Os tempos son chegados dos bardos das edades que as vosas vaguedades cumprido fin terán; pois, donde quer, xigante a nosa voz pregoa a redenzón da boa nazón de Breogán. Teus fillos vagorosos en que honor soo late, a intrépido combate dispondo o peito van; se, por ti mesma, libre de indigna servidume e de oprobioso alcume, rexión de Breogán Á nobre Lusitania os brazos tende amigos, ós eidos ben antigos con un punxente afán; e cumpre as vaguedades dos teus soantes pinos duns máxicos destinos, ¡oh, grei de Breogán! Amor da terra verde, da verde terra nosa, acende a raza briosa de Ousinde e de Froxán; que aló nos seus garridos xustillos, mal constreitos, os doces e albos peitos das fillas de Breogán; que á nobre prole insinen fortísimos acentos, non mólidos concentos que ás virxes só ben están; mais os robustos ecos que, ¡oh, patria!, ben recordas das sonorosas cordas das arpas de Breogán. Estima non se alcanza cun vil xemido brando; calquer requer rogando con voz que esquecerán; mais cun rumor xigante, subrime e parecido ao intrépido sonido das armas de Breogán. Galegos, sede fortes, prontos a grandes feitos; aparellade os peitos a glorioso afán; fillos dos nobres celtas, fortes e peregrinos, luitade plos destinos dos eidos de Breogán Eduardo Pondal