O piñeiro. Xosé Neira Vilas
Había un piñeiro
na cima do coto;
un piñeiro vello
que sempre era mozo.
Dende pequerrecho
foi ben amigolo
do sol e da chuvia,
do monte, de todos…
Sobre el chiaban
paxariños todos,
e os nenos subíano
agatuñando fonchos.
No inverno pasado
o vento arrincouno
e quedou deitado
enriba dos toxos.
Foise así murchando
pouqueniño a pouco
ata ser apenas
un pobre cachopo.
Despois, cunha serra
fendérono todo
con mentes de darlle
un emprego novo.
Coas táboas fixeron
sete lavadoiros,
un berce moi chusco
e a porta dun forno.
Tal foi o destino
Xeneroso e longo
do vello piñeiro
da cima do coto.