O piñeiro. Xosé Neira Vilas

Inicio / Bosque da Lingua / O piñeiro. Xosé Neira Vilas

Había un piñeiro

na cima do coto;

un piñeiro vello

que sempre era mozo.

Dende pequerrecho

foi ben amigolo

do sol e da chuvia,

do monte, de todos…

Sobre el chiaban

paxariños todos,

e os nenos subíano

agatuñando fonchos.

No inverno pasado

o vento arrincouno

e quedou deitado

enriba dos toxos.

Foise así  murchando

pouqueniño a pouco

ata ser apenas

un pobre cachopo.

Despois, cunha serra

fendérono todo

con mentes de darlle

un emprego novo.

Coas táboas fixeron

sete lavadoiros,

un berce moi chusco

e a porta dun forno.

Tal foi o destino

Xeneroso e longo

do vello piñeiro

da cima do coto.